Debes estar rexistrado/a na plataforma Prestogal para acceder a esta sección

SERVIZOS SOCIAIS DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

Santiago de Compostela é unha cidade comprometida solidariamente con políticas sociais encamiñadas a dar cobertura ás necesidades individuais e colectivas e á erradicación de calquera clase de desigualdade social. Unhas políticas a través das cales se aposta por un modelo social que procure a integración participativa na vida comunitaria, garanta a protección dos dereitos sociais, políticos e económicos da cidadanía máis desfavorecida e en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión.

Os servizos sociais municipais son o sistema de protección social máis próximo á cidadanía, desde os cales se desenvolven programas e se ofrecen prestacións que favorecen a participación, integración e benestar social das persoas ou grupos dentro do seu contorno comunitario.

Para garantir a cohesión social, construír unha cidade inclusiva e artellar as políticas de solidariedade, igualdade e equidade social o Concello de Santiago xerou unha rede municipal de servizos sociais que teñen como obxectivos:

  1. A detección e análise das necesidades sociais e a organización das prestacións de protección e asistencia social.
  2. A información, orientación e asesoramento á cidadanía sobre os seus dereitos sociais.
  3. O desenvolvemento de políticas integrais para favorecer a igualdade de oportunidades e a inclusión.
  4. A mellora da cooperación e solidariedade a través de experiencias colaborativas e do voluntariado

Os servizos sociais organízanse en Unidades de Traballo Social, a través das cales un equipo interdisciplinar de profesionais do ámbito social desenvolven programas e proxectos dirixidos a toda a cidadanía e facilitan o acceso das persoas aos recursos sociais existentes nas diversas áreas:

  1. Menores e familias en situación de vulnerabilidade socioeconómica
  2. Persoas maiores
  3. Persoas dependentes
  4. Persoas con diversidade funcional
  5. Promoción social
  6. Inclusión social