Debes estar rexistrado/a na plataforma Prestogal para acceder a esta sección

O CONSUMO COLABORATIVO EN SANTIAGO

Hai múltiples exemplos e antecedentes sobre consumo colaborativo no mundo, que son o resultado da integración de 4 factores que están a producir un gran cambio dende o hiperconsumo do século XX, cara ao consumo colaborativo do século XXI.

O comportamento virtual en webs e redes sociais estase aplicando a realidades na vida cotiá, transformando a nosa relación co medio baseada na satisfacción de necesidades ou experiencias, sen necesidade de acumular obxectos ou telos en propiedade. É dicir, o uso imponse á propiedade dos bens. Estes cambios maniféstanse en 3 sistemas de reorganización da nosa relación coa contorna:

  1. A prolongación da vida útil dos recursos, aplicando as 5 "Rs" (reducir, reutilizar, reciclar, reparar e redistribuír).
  2. Estilo de vida colaborativo, intercambiando recursos, habilidades ou tempo (coworking, couchsurfing ou bancos de tempo).
  3. Necesidades de servizo e non da propiedade. É dicir, analizando a utilidade real que lle damos aos recursos que temos en propiedade (é o caso dunha broca que mercamos para toda a vida, cando o que necesitamos son os buratos na parede que me leva 10 minutos facer, ou o coche que podería alugar a un veciño para que me preste o servizo de desprazamento cando o necesite, reducindo a circulación rodada e a contaminación e promovendo os desprazamentos a pé ou en bicicleta nunha cidade).

A sociedade ten por diante o reto de pasar do consumo e gasto individual incontrolado, cara a un re descubrimento do ben colectivo, e as administracións teñen moito que facer para promover e apoiar este cambio de actitude da nosa sociedade.

O concello de Santiago, consciente da necesidade de intervir promovendo este cambio cara a unha sociedade máis sostible e solidaria no ámbito local, pon en marcha o Prestogal veciñanza en Santiago: unha plataforma web que facilita o intercambio, préstamo e cesión de recursos entre os veciños e veciñas da cidade.

A diferenza doutro tipo de webs privadas de consumo colaborativo, dende o concello apóstase por ofrecer á poboación unha ferramenta pública para:

  1. Facer unha cidade mais sostible, reducindo o hiperconsumo.
  2. Facer unha cidade mais participativa, fortalecendo o tecido asociativo nos barrios.
  3. Facer unha cidade mais solidaria colaborando ademais coa área de Políticas Sociais para cubrir necesidades de persoas sen recursos .

Para conseguir o primeiro obxectivo, o concello financia a adaptación do Prestogal á cidade de Santiago, achegando unha ferramenta que facilite os intercambios, préstamos e cesións de recursos entre a veciñanza.

Para conseguir o segundo obxectivo, o Prestogal estará dirixido ás asociacións veciñais, para que sexan as persoas socias as que poidan acceder ao uso da plataforma. Desta forma non só se fortalece a relación entre as persoas que forman parte da asociación, senón que serve de estímulo para que outras persoas do barrio se asocien.

Para conseguir o terceiro obxectivo, o persoal da área de Políticas Sociais responsable da intermediación e atención social de persoas sen recursos do concello, terán un perfil de persoa usuaria na plataforma para lanzar peticións que poidan ser respondidas pola veciñanza solidaria de Compostela.

Durante o ano 2016 farase seguimento e avaliación dos resultados do Prestogal como experiencia piloto, que se implantará en colaboración coa asociación As Marías. Un convenio, asinado entre o concello e esta asociación, permitirá implantar a ferramenta entre a veciñanza das rúas Espírito Santo, Basquiños, Pastoriza, Santa Clara, San Roque, Oviedo, Avda de Coimbra, Avda de Salamanca e Praza de Ultreia.

Os Puntos Prestogal

Ademais da ferramenta web, o proxecto piloto contempla a identificación e implicación das persoas responsables dos Puntos Prestogal no barrio. Os puntos Prestogal poden ser establecementos de hostalería, comercios ou centros socioculturais que sirvan de espazos de encontro ou depósito dos obxectos que se prestan, ceden ou intercambian.

O primeiro Punto Prestogal identificado no barrio é o Hervor&Fervor, un local de hostalería cuxos responsables, Ramón e Cris. En canto coñeceron a proxecto manifestaron o seu interese por participar activamente no mesmo e asinaron un compromiso para facer difusión da ferramenta a pé de rúa, entre a clientela habitual que reside ou ten relación co barrio.

Os Puntos Prestogal estarán identificados cun letreiro na porta, e no interior do establemento haberá uns flyers explicativos do proxecto.