Debes estar rexistrado/a na plataforma Prestogal para acceder a esta sección

PERSOAS

Deberán seleccionar na plataforma a asociación á que pertencen e solicitar a alta cumprimentando a ficha de solicitude de adhesión como usuario/a.

Esta ficha chegará á asociación correspondente, dende onde se deberá validar e xestionar a nova alta enviando as claves de acceso á plataforma. A partir dese momento a persoa será usuaria do Prestogal e poderá subir os recursos que está disposta a compartir ou ceder, así como buscar aqueles que necesita. Para subir un recurso á plataforma será necesario achegar unha pequena descrición do mesmo, as observacións que se consideren e unha foto onde se poda ver o estado real do recurso.

A busca de recursos pode facerse a través das distintas categorías e, no caso de que non se atope o que se está a buscar, tamén se pode facer unha petición a través da plataforma e esperar a que alguén responda.

Un sistema de mensaxaría interna facilitará o contacto entre a persoa prestamista e o prestameiro para acordar o tempo de duración do préstamo, así como a hora e o sitio onde quedar, que pode ser nun punto acordado entre as persoas, ou nalgún dos puntos de encontro Prestogal propostos pola asociación.

Despois dun préstamo, a persoa prestamista deberá puntuar á prestameira, en función do grao de cumprimento dos prazos, do estado no que devolve o recurso e calquera outro aspecto que se decida valorar positiva ou negativamente.

Na pantalla principal da plataforma verase unha lista dos últimos recursos subidos, os máis prestados e as persoas mellor valoradas.

ASOCIACIÓNS

Deberán solicitar a alta na plataforma cumprimentando a ficha de solicitude de adhesión como asociación.

Esta ficha chegará ao concello, que deberá dar resposta á asociación para concretar un día para a celebración dunha xornada formativa coas persoas representantes ou integrantes da asociación, sobre as condicións e requisitos de acceso e o manexo da plataforma. Nesta xornada daríase de alta a asociación no Prestogal.

Cada asociación contará cunha persoa responsable ou titular do Prestogal, que terá como principais tarefas a de velar polo bo funcionamento da plataforma, así como recibir e validar as altas das persoas que soliciten adhesión.

As asociacións veciñais poderán dar acceso a outras asociacións ou colectivos do barrio, sendo a asociación veciñal a responsable de velar polo bo uso que estes colectivos podan facer do Prestogal e xerar as altas das novas persoas usuarias.

O Prestogal, ademais de permitir o préstamo de recursos entre persoas, tamén permitirá xestionar o préstamo entre asociacións, para aqueles recursos que se teñan en propiedade e se decidan subir á plataforma para poñer a disposición doutras asociacións.

Cada asociación seleccionará un ou varios puntos de encontro Prestogal, que serán establecementos hostaleiros do barrio onde quedar para realizar fisicamente os préstamos. Estes espazos estarán identificados cun distintivo na porta, o que contribuirá a visibilizar o Prestogal e dinamizar a hostalería do barrio.